O continente africano e a literatura de viaxes
Ao longo de catro meses, o editor Eduardo Riestra, responsable da editorial Ediciones del Viento, ofrecerá un curso que analizará os vínculos establecidos entre o continente africano e os comezos, desenvolvemento e apoxeo da literatura de viaxes en Occidente entre os séculos XVIII e XX. A crecente necesidade de materias primas que desenvolven as potencias occidentais tras a Revolución Industrial propiciará que tanto gobernos como particulares -os primeiros por cuestións meramente económicas derivadas do Novo Imperialismo e os segundos por unha mistura de busca de novas fronteiras, retos personais ou como representantes de institucións xeográficas como a Royal Geographic Society ou outras iniciativas privadas -afronten o comezo do século XIX con África como meta. Todo isto propiciará unha eclosión de ensaios, relatos, diarios e compendios recollendo as diferentes experiencias de escritores, exploradores e viaxeiros que constituirán a idade de ouro dun xénero amplamente recoñecido en países como Inglaterra ou Francia e que neste momento comeza a espertar interese no noso país, grazas ás traduccións de obras inéditas en español ou reedicións de textos descatalogados.
O continente africano e a literatura de viaxes adéntrase nas diferentes categorías e autores que plasmaron en distintas obras a fascinación por África, ademáis de incluir a análise de aspectos históricos, literarios, políticos, sociolóxicos ou simplemente expedicionarios: desde o periplo e morte do explorador escocés Mungo Park en Níger ata a controversia entre Speke e Burton polas fontes do Nilo, o pesadelo do Congo a través dos ollos de Joseph Conrad, Mark Twain ou Arthur Conan Doyle, a relación entre o fascismo italiano e a aventura etíope de Indro Montanelli ou a crítica social de Evelyn Waugh cara a importación por parte dos colonos de prexuízos e teimas ancestrais, por citar algúns exemplos. Pero non só eles: Winston Churchill, André Gide, Karen Blixen, Arthur Rimbaud, Ernest Hemingway e un longo etcétera de creadores, estadistas, poetas e, por último, un apartado dedicado ao colonialismo español en África, serán os protagonistas deste curso que contará coa participación no seu peche do escritor Javier Reverte.
Descargar ficha de inscripción.pdf
