Pecha Kucha Night Coruña
As Pecha Kucha Nights son un formato de presentación ou charlas multidisciplinares nas que os diferentes poñentes utilizan 20 imaxes de apoio, cada unha de 20 segundos de duración que se proxectan durante a intervención dos distintos participantes. A duración destas intervencións é de aproximadamente 6 minutos e 40 segundos, e participan entre 10 e 14 poñentes. As Pecha Kucha Nights foron creadas en 2003 por Astrid Klein e Mark Dytham do estudio de arquitectura Klein Dytham, cuxa sé atópase en Tokio, onde se celebrou a primeira presentación baixo este formato. A intención dos seus creadores non era outra que ofrecer un marco máis informal e distendido que as habituais poñencias ao uso, de longa duración e apoiadas por tediosas presentacións audiovisuais, ademáis de abrir o formato a todo tipo de iniciativas culturais ou artísticas, desde deseño gráfico a arquitectura, pintura, música, fotografía, ilustración, etc., tanto a persoas creativas con ganas de comunicar algo como a aquelas que estean comezando a súa andaina profesional e non poidan acceder nun principio a un circuito de galerías ou revistas especializadas para dar a coñecer os seus proxectos.
Dende o ano 2003 ata a actualidade, as Pecha Kucha Nights celebráronse en máis de 230 cidades de todo o mundo, desenvolvéndose en espazos tan variopintos como museos, bares, estudios, clubs, universidades, etc. As Pecha Kucha Nights ofrecen unha pausa no medio da sesión na que se inclue un servizo de bar: neste caso poderase disfrutar do mesmo na propia Fundación Luis Seoane, e o peche do evento e fin de festa terá lugar posteriormente no pub 14!.
